Thursday 09 de May de 2024

As salas de exposición retoman a súa actividade coa inauguración da exposición “José Yáñez: Desde a miña mirada”


 

O Pazo Municipal de María Pita e o Quiosco Alfonso retoman as mostras de Fermín Encinar e Miguel Zelada

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, inaugurou esta maña na casa de Cultura Salvador de Madariaga a mostra do pintor José Yañez “Desde a miña mirada”, onde destacou que “se inaugurar unha mostra de
arte é sempre un acto alegre porque a arte é vida, é creación e motiva, toca e emociona, hoxe é aínda máis motivador porque supón unha volta á normalidade”.
A mostra, explicou o edil, significa o regreso das e dos coruñeses ás casas da cultura coma esta para conectar coas autoras e cos autores. Neste caso, achegámonos á impronta de José Yáñez, “con el chegamos aos recunchos máis lindos da Cidade Vella, regresamos pola Pescaría e parámonos a contemplar os edificios modernistas que tanto nos gustan da praza de Lugo”.
O edil convidou a toda a veciñanza a desfrutar das obras de Yáñez e por suposto, en directo, mantendo sempre as medidas e as distancias de seguridade e respectando, “que é no que realmente demostra que unha cidade é madura”.
A exposición, que se poderá ver até o 26 de xullo, organízase en torno ás dúas plantas da sala de exposición na casa da cultura Salvador de Madariaga. Na planta baixa, A Coruña aparece ordenada por barrios: Cidade Vella, Pescaría, o primeiro e o segundo Ensanche e o resto da cidade. No segundo andar, as vilas galegas están agrupadas por provincias. Son paisaxes urbanas onde se atopan os edificios de referencia xunto a arquitecturas máis discretas pero tamén icónicas.

Por outra banda, hoxe tamén reabren as súas portas as salas do Pazo Municipal de María Pita e o Quiosco Alfonso coas mostras de Fermín Encinar e Miguel Zelada.
A exposición de Miguel Zelada permanecerá aberta ao público até o 7 de xuño, en horario de 12.00 ás 14.00 horas e de 18.00 ás 21.00 horas. E a mostra, “Obra última”, de Fermín Encinar poderá contemplarse até o vindeiro 7 de xuño, en horario de 12:00 ás 14:00 e das 18:00 ás 21:00 horas.